Amigas! Rematou o crowfunding e, malia quedarmos lonxe do orzamento ideal, estamos moi ledas por todo o apoio e agarimo que nos destes. Para nós ten un valor incalculable recibir doazóns de 387 persoas e ter a colaboración de Cuarto Pexigo e Montana Colors. Sentímonos realmente afortunadas! Mil grazas a todas!
A primeira das boas noticias derivadas da vosa implicación no Delas Fest é que o próximo 12 de setembro celebraremos o encontro de improvisación pictórica DELAS JAM. Para favorecer a implicación no evento, desde 7H, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Montana Colors Spain, convocamos 8 BOLSAS DE CREACIÓN ARTÍSTICA PARA MULLERES cunha dotación de 200€+ IVE. Igualmente, facilitaremos ás creadoras todo o material preciso para realizar unha peza artística sobre un soporte de papel de celofán no Xardín do Teatro do Gaiás.
As interesadas en participar:
- Deben enviar a súa candidatura ao enderezo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal antes do 18 de agosto.
- A solicitude debe incluír un dossier artístico e un pequeno texto de motivación.
Consultade toda a información nas bases da convocatoria.