Galiza, España
2Ronde Rest 34 dagen
Gaat voort! Minimum bereikt
Ontvangen
€ 5.656
Minimum
€ 5.000
Optimum
€ 7.000
130 Co-financiers
Bijdragen € 10
Viva!!!

O teu nome aparecerá na páxina web de Corentena Producións

> 15 Co-financiers
Bijdragen € 15
Crachá + Colante [envíos territorio estatal]
  • O teu nome aparecerá na páxina web de Corentena Producións
  • Crachá de Corentena Producións
  • Colante especial de MONSTRAS que reproduce a pequena escala un póster da escenografía da webserie coa ilustración da Gorgona Medusa de Nerea V.L
> 14 Co-financiers
Bijdragen € 20
Bolsa [envíos territorio estatal]
> 27 Co-financiers
Bijdragen € 30
Camiseta + Crachá [envíos territorio estatal]
  • O teu nome aparecerá na páxina web de Corentena Producións
  • Camiseta de MONSTRAS
  • Crachá de Corentena Producións
> 32 Co-financiers
Bijdragen € 50
Póster + Crachá [envíos territorio estatal]
  • O teu nome aparecerá na páxina web de Corentena Producións
  • Póster especial de MONSTRAS con presencia na escenografía da webserie coa ilustración da Gorgona Medusa de Nerea V.L
  • Crachá de Corentena Producións
> 12 Co-financiers
Bijdragen € 100
Camiseta + Bolsa + Colante [envíos territorio estatal]
  • O teu nome aparecerá na páxina web de Corentena Producións
  • Camiseta de MONSTRAS
  • Bolsa de MONSTRAS
  • Colante especial de MONSTRAS que reproduce a pequena escala un póster da escenografía da webserie coa ilustración da Gorgona Medusa de Nerea V.L
> 09 Co-financiers
Bijdragen € 150
Camiseta + CD [envíos territorio estatal]
  • O teu nome aparecerá na páxina web de Corentena Producións
  • Camiseta de MONSTRAS
  • CD “As mulleres salvaxes” (cutrametraxe + making of)
> 01 Co-financiers
Bijdragen € 200
2 CDs + Bolsa [envíos territorio estatal]
  • O teu nome aparecerá na páxina web de Corentena Producións
  • CD “As mulleres salvaxes” (cutrametraxe + making of)
  • CD “Monstras” (webserie completa + making of)
  • Bolsa de MONSTRAS
> 01 Co-financiers
Bijdragen € 250
2 CDs + Póster + Camiseta [envíos territorio estatal]
  • O teu nome aparecerá na páxina web de Corentena Producións
  • CD “As mulleres salvaxes” (cutrametraxe + making of)
  • CD “Monstras” (webserie completa + making of)
  • Póster especial de MONSTRAS con presencia na escenografía da webserie coa ilustración da Gorgona Medusa de Nerea V.L
  • Camiseta de MONSTRAS
> 01 Co-financiers

About this project

webserie feminista galega
Infrastructuur Minimum Optimum
Localizacións + gasto eléctrico + auga
Temos necesidades moi específicas coas localizacións que precisamos para un mes e medio; aquí incluímos as facturas de electricidade e auga.
€ 1.500
Máis cartos para localizacións + gasto eléctrico + auga
Para non agobiarnos con facturas asasinas.
€ 150
Taak Minimum Optimum
Comida
Para nós é importante estar ben comidas! Somos catorce mulleres traballando cinco días á semana durante un mes e medio, en xornada de 08h a 18h. Consideramos aquí: os petiscos, os xantares e as merendas.
€ 2.500
Vestiario e perruquería
Para poder facelo!
€ 100
Produción
Aquí incluímos gastos de gasolina para algúns desprazamentos e fotocopias.
€ 150
Colchón
En Corentena Producións somos persoas tremendamente previsoras, pero sabemos que son moitas as dificultades que poden presentarse e queremos ter uns cartos agachados por se acaso.
€ 100
Goteo sobre o mínimo
Un 4% para a xestión do crowdfunding sobre o mínimo acadado.
€ 200
Máis cartos para vestiario e perruquería
Contamos coa participación en “Monstras” dunha deseñadora profesional e non queremos perder a oportunidade de ter o maior presuposto posíbel para que desenvolva a súa creatividade!
€ 170
Máis cartos para produción
Máis gasolina e facturas de teléfono!
€ 100
Máis cartos para Goteo sobre o óptimo
Un 4% para a xestión do crowdfunding sobre o óptimo acadado.
€ 80
Materiaal Minimum Optimum
Material técnico
Para funcionar co básico.
€ 250
Escenografía
Precisamos unha serie de elementos indispensábeis para construír a atmosfera da historia que temos entre mans!
€ 200
Máis cartos para material técnico
A técnica sempre nos limitou: non dispoñemos dun equipo de gravación capaz de cumprir os estándares de calidade de determinados circuítos. O criterio técnico, en tanto criterio androcéntrico, é un criterio de exclusión das mulleres das industrias culturais, que obvia a realidade de que nós temos menos financiamento para levar a cabo os nosos proxectos; conscientes desta situación, queremos tentar aumentar un grao na calidade técnica das nosas obras mercando unha steady cam, unha gravadora de son e micros.
€ 1.350
Máis cartos para escenografía
Para facelo como queremos facelo!
€ 150
Totaal € 5.000 € 7.000
Noodzakelijk
Additioneel

General information

O heteropatriarcado odia as mulleres enfadadas: as monstras somos indesexábeis, sentido estrito, imposíbeis de desexar. No ano 1994 as doutoras Mary Valentis e Anne Devane preguntaron ás mulleres como imaxinaban a súa propia rabia: todas elas coincidían en evocar o rostro da Gorgona Medusa.

Para unhas, un relato de corazóns que son bombas de reloxería; para outros, unha historia de terror. Para nós, “Monstras” é a primeira webserie feminista de ficción e en galego feita por unha equipa integramente formada por mulleres que o vai petar.
Catro mozas chegan de madrugada á casa da amiga dunha delas: aconteceu algo do que non poden falar. Isto é todo o que podemos revelar, isto e que a webserie ten cinco capítulos; como elas, tampouco podemos contarche máis. Terás que confiar en que é esta unha boa historia, unha historia inédita: nós sabemos que quererás vela.
“Monstras” é o proxecto máis ambicioso de Corentena Producións até o momento: un novo formato, unha extensión maior, unha equipa técnica e artística máis grande e presupostos máis elevados. Claro que nos asusta, pero se podemos combater á incondicionalidade dos coidados, se podemos levantar a voz, se podemos defender as nosas ideas, e se podemos facer isto moitos días das nosas vidas, abofé que tamén podemos facer unha webserie.
Gravarémola en Compostela durante outubro e novembro de 2019 e será a finais dese mes que a webserie se estree integramente na canle de Youtube de Corentena Producións de maneira gratuíta: emitíndose cada un dos cinco capítulos nos cinco días consecutivos dunha mesma semana; isto será posíbel porque a posprodución do proxecto decorrerá simultaneamente á gravación.
Levamos moito tempo traballando en “Monstras”, que até hoxe se coñecía como o Proxecto Supersecreto de Corentena Producións. Estamos absoluta e totalmente convencidas de que é un proxecto único.
Se decides non darnos pasta, farémolo igual; pero coa túa pasta, farémolo mellor.

Belangrijkste kenmerken

Quen non teme as monstras?... A primeira webserie feminista de ficción e en galego da historia feita por unha equipa integramente formada por mulleres???!!!

Unha boa historia de ficción
O guión é moi bo, en serio que o é (dino as actrices); a historia obrigará ás espectadoras a reinterpretar permanentemente informacións que xa coñecían. E isto enmarcado nunha fuxida dos formatos televisivos para continuar a tendencia actual de aproximación á narrativa cinematográfica: entre os nosos referentes estéticos para esta historia atópanse Girlhood (Céline Sciamma, 2014) ou Blue My Mind (Lisa Brühlmann, 2017).

Unha equipa de monstras ilusionadas
En Corentena traballamos só con persoas que, coma nós, se identifican socialmente como mulleres feministas: primeiro, porque estamos máis cómodas no momento creativo; segundo, porque é a partir destas subxectividades que tal proceso creador se constrúe; e terceiro, como parte irrenunciábel da autoorganización feminista das mulleres no eido cultural ante unhas industrias que nos exclúen, discriminan e minusvaloran sistematicamente. Desta volta somos catorce profesionais que nos reunimos, aparcando os nosos traballos remunerados, para poder contar esta historia; pero non só o facemos por amor á arte, francamente, facémolo porque o pensamos necesario, vitalmente (para nós) e politicamente (para todas nós) baixo a convicción de que quererás vela. Senón non perderiamos o noso tempo, nin os teus cartos.

Traballar co feminismo
Non somos traballadoras culturais apolíticas: traballamos a prol dunha política cultural feminista, polo que, de ningunha maneira, somos neutrais ideoloxicamente. As nosas historias parten dunhas subxectividades que habitan este mundo como mulleres: constrúense sobre as nosas experiencias violentas, sobre a nosa dor e o noso sufrimento; pero non só, tamén son historias que nos celebran, que celebran as nosas alianzas prohibidas, as nosas resistencias. Estamos decididas a contar o pracer das mulleres, empresa fermosa a nosa.

Traballar desde o feminismo
Sempre nos dixeron que nos resignásemos: que o audiovisual era o territorio da ansiedade e do maltrato. Pois todo para eles. Nós imos a outro ritmo, paseniño pero firme, coidándonos a nós mesmas e ás demais mentres traballamos; non queremos sufrir e menos cando facemos o que máis nos gusta facer.
Unha produción desde o feminismo significa que o método e o proceso de creación é feminista, trazando relacións horizontais que nos permitan identificarnos coa historia e coas personaxes, que nos permitan autorecoñecernos a nós propias nas outras. Estamos aprendendo a facelo así: respiramos – aprendemos a controlar os nervios – a xestionar as dificultades inesperadas – coidámonos – preguntámonos – paramos – respiramos – paramos outra vez – respiramos – seguimos – creamos.

En galego
Unha historia en galego, simplemente porque é a nosa lingua, a lingua que falamos. Nunca comprenderemos a mediocridade que se agocha no feito de que, sabéndoa, non se aposte por ela para a creación cultural: para nós é evidente que o galego contribúe a situarnos de maneira excepcional no mundo. Hai que ter a mente ben pechada ou non querer ver para, efectivamente, non velo.

Da precariedade á independencia
Corentena Producións non ten axudas institucionais nin pertence á industria audiovisual; traballamos sempre desde a precariedade: o financiamento sae dos nosos (xa precarios) petos, os tempos son escasos ao ter que compaxinar esta con outras (xa precarias) actividades remuneradas. A situación é complexa mais tamén nos garante que nunca, ninguén ou nada alén de nós mesmas, vai poder decidir que deixemos de facer o que queremos facer, de contar as historias que queremos contar.

Músicas feministas
Moitas creadoras nacionais como Flow do Toxo ou Glitchgirl e internacionais como Sara Hebe nos emprestaron os seus temas para petar a nosa historia de melodías subversivas.

Visionado inmediato e gratuíto
“Monstras” estará dispoñíbel a finais de novembro de 2019 na canle de Youtube de Corentena Producións e é que non só queremos facer unha webserie tamén queremos que a vexas canto antes.

Waarom is dit belangrijk

“Monstras” agocha unha boa historia de ficción producida cunhas características e baixo unhas condicións únicas en Galiza. Trátase dun proxecto excepcional que consideramos necesario para o convulso momento político e social que atravesamos. Nós traballamos coa convicción de que será unha webserie polémica, pensada para o debate e a reflexión, nun contexto no que o monstro da ultradereita se desprega en ofensiva de poder heteropatriarcal.
Corentena Producións non ten un obxectivo en absoluto menor: nós queremos facer proxectos que removan conciencias si, pero queremos facer proxectos que interesen ás audiencias. Esta é a nosa principal premisa para decidirnos ou non por unha historia resistente: que ti queiras vela.

Team en ervaring

Corentena Producións formámola tres mulleres que coincidiamos en espazos de militancia feminista e que, co paso do tempo, simplemente, fixémonos amigas: Eire García, Miriam Carril e Mariña López. Comezamos entón a compartir as nosas inquedanzas laborais, culturais e artísticas, e a observar como estas estaban absolutamente atravesadas polo traballo político que desenvolviamos nos espazos organizados.

Eire García (Nigrán, 1991) é doutoranda, guionista e directora. Ademais das súas investigacións no marco da Teoría Feminista do Cinema e dos diversos traballos para Corentena Producións, ten unha ampla traxectoria nos certames nacionais, entre os máis recentes: o 2º Premio (compartido) Xuventude Crea de Fotografía 2018 coa obra “Retratos feministas” (2018) e o 1º Premio de Videoensaio Internacional dos III Premios María Luz Morales da AGA coa obra “Propaganda de guerra” (2019).
Miriam Carril (Muxía, 1992) é historiadora da arte e directora artística. Logo de ter realizado diversos traballos no campo da investigación dos movementos artísticos contemporáneos como "A importancia do texto. Unha análise da escrita de Ana Mendieta" (2018), compaxina estes con outros proxectos para Corentena Producións. Actualmente traballa como atrezzista na serie de televisión "A Estiba" (Voz audiovisual 2019).
Mariña López (Compostela, 1989) é actriz, profesora de teatro e poeta. Está licenciada en Interpretación Textual pola ESAD de Galicia. Ademais dos diversos traballos para Corentena Producións, recentemente ten impartido obradoiros de teatro con perspectiva de xénero na Biblioteca Pública Ánxel Casal, de Compostela, e tamén ten gañado o 1º Premio do XXIII Certame de Poesía Francisco Añón coa obra “Agora que nos roubaron” (2019).

Aínda que Corentena Producións aparece a finais do ano 2018, xestábase xa en tres curtametraxes anteriores Azul Eléctrico (2016), Triloxía da Raiva Vol. 1. A Dor (2018) e As Mulleres Salvaxes (2019) que realizamos xuntas e que amosarían a necesidade de crear un proxecto que as amparase a todas, que as fiase a todas no tempo.

AZUL ELÉCTRICO (Electric Blue / Galiza / 2016 / 19’02’’). Curtametraxe codirixida, coproducida e autofinanciada por Patricia Torres, Eire García, Miriam Carril e Mariña López e con participación en dez festivais estatais e internacionais, entre os que destaca a súa presenza na Selección Oficial do IV Imperfectu Fest: Festival Internacional de Cine y Estudios de Género (Cuerpo, ciencia y tecnología), en Tijuana (novembro de 2017).
TRILOXÍA DA RAIVA. VOL.1. A DOR (Rage Trilogy. Vol.1. Pain / Galiza / 2018 / 4’30’’). Curtametraxe actualmente en circuíto de festivais. Eire García Cid: guión / dirección / produción / fotografía / cámara / edición; Mariña López Varela: interpretación / produción; Andrea Diz: interpretación; Andrés Meixide: interpretación; Glitchgirl: música
AS MULLERES SALVAXES (The Wild Women / Galiza / 2019 / 22’). Curtametraxe actualmente en circuíto de festivais; recentemente estreada na Sección Ultravioleta da XVI Edición do Festival de Cans. Eire García Cid: guión / dirección / fotografía / cámara / edición; Antía Otero García: son / axudante de dirección / axudante de fotografía / script; Menina Arroutada: interpretación / produción / foto fixa / making of; Mariña López Varela: interpretación / produción; Miriam Carril Rivadulla: interpretación / produción / atrezzo; Paloma Saavedra: interpretación / produción / axudante de produción executiva / axudante de arte / perruquería; Patricia Torres: interpretación / produción executiva; Glitchgirl: música.

Malia sermos tres compañeiras quen xestionamos Corentena Producións, a cada un dos proxectos súmanse moitas máis mulleres que son parte activa e habitual do decorrer da produtora e que, en definitiva, son tamén Corentena; entre elas destaca Patricia Torres quen estivo canda nós desde o comezo e que tamén traballará en “Monstras”.

Patricia Torres (Nigrán, 1989) é actriz, produtora, improvisadora e profesora. Está licenciada en Interpretación Textual pola ESAD de Castilla y León. Traballa como actriz en diversas producións, entre elas: “Lobos e Cordeiros” (Galiwood 2018) e “Serramoura” (Voz Audiovisual 2017).

Ao proxecto de “Monstras” voltarán á equipa, logo da súa participación na nosa anterior curtametraxe “As mulleres salvaxes”, compañeiras fundamentais como Paloma Saavedra e Menina Arroutada, ademais de poder contar de novo coa música de Glitchgirl.

Paloma Saavedra (Tui, 1988) é actriz e directora. Está licenciada en Interpretación Textual pola ESAD de Galicia e especializada despois en voz e performance en París. Traballa como directora en Avelaíña Teatro e como actriz en varias producións, entre elas: “O sabor das margaridas” Netflix (CTV, 2018) e “Serramoura” (Voz audiovisual, 2018).
Alex Rei “Menina Arroutada” (Zurich, 1980) é cantante, actriz e produtora musical. Estuda Interpretación Cinematográfica no Centre d’Estudis Cinematográfics de Catalunya. Traballa como actriz en varias producións, entre as que destaca “Coma” (GlichGirl Krakhaus Records, 2018).

“Monstras” é o proxecto máis ambicioso de Corentena Producións até o momento polo que presenta unha fermosa ampliación da equipa; e é que somos cada vez máis, súmanse así: Antía Costas, Paula Santiago Pier, Neves Costas, Lucía Alcaina, Vanesa Calviño, Beatriz Saiáns, Sara C. Lorenzo e Dunia Álvarez. Agardamos darlle unha calorosa benvida a este noso territorio proscrito!

Antía Costas (Moaña, 1987) é actriz, pandereteira, improvisadora e paiasa. Está licenciada en Interpretación Textual pola ESAD de Galicia. Alma mater da CIA Moito Morro Teatro que conta con producións como: “Es-ketches” (2013-2015) ou “MiMadriña” (2015-2018).
Paula Santiago Pier (A Coruña, 1991) é actriz e cantante. Está licenciada en Interpretación Textual pola ESAD de Galicia e cursou un Mestrado en Teatro Musical. Posúe unha ampla experiencia profesional en teatro e audiovisual e é integrante da compañía “8mm teatro” coa que improvisa nas tablas e na vida.
Neves Costas (Nigrán, 1960) é actriz e contacontos. Estuda no 2012 Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. No eido do teatro destaca a seguinte formación: o curso de Iniciación ao teatro para a Animación Sociocultural no IES Pimeiro de Marzo, Baiona (2002) e o Taller Encontro de Contacontos da Agrupación Amigos do Conto (1999). Foi membro do grupo de teatro “Comediantes Denigrantes” e de “Vichelocrego” no cal segue a participar actualmente.
Lucía Alcaina (Muxía, 1993) é historiadora da arte orientada cara a xestión de proxectos culturais. Cursou o Màster de Estudis Avançats en Historia de l’Art na Universitat de Barcelona (UB). Desenvolve a labor de xestora do proxecto de arte nas rúas “Muros do Nordés” (Muxía, edicións 2016, 2017 e 2018) e conta cunha ampla experiencia na dinamización cultural.
Vanesa Calviño (Rodeiro, 1989) é modista e deseñadora, con experiencia en traballos de patronaxe, confección e deseño. Actualmente estuda o último curso de Moda na Escola de Patronaxe, Corte, Confección e Deseño Susa Suárez en Compostela; ademais, é propietaria de Mestizaxe, tenda de roupa e complementos (2010-1013, Lalín) e patronista, deseñadora e dependenta en A Costureira Viaxeira (2016-2019, Compostela).
Beatriz Saiáns (Nigrán, 1991) é fotógrafa e realizadora audiovisual. Está licenciada en Comunicación Audiovisual e ten, ademais, un Mestrado en Xénero e Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona. Entre os seus proxectos destacan: a curtametraxe “Cinema anémico” (2016) e os documentais “Anti-mulleres. Existir mal” (2016) e “Historias de Non-ficció” (2018).
Sara C. Lorenzo (A Coruña, 1986) é cámara e técnica audiovisual. Doutoranda en Comunicación pola Universitat Pompeu Fabra, Grupo de Investigación en Estética dos Medios Audiovisuais (CINEMA). Participa en moitos proxectos entre os que destaca o seu traballo como editora no programa “Ó fío do retrato” (Ibisa Tv e Tv7, 2010) e o seu traballo en iluminación na curtametraxe “Sen Escrúpulos” (Carlos Seijo, 2008) premiada no Festival ON/OFF de Cinema de Ribadeo (2008).
Dunia Álvarez (O Grove, 1984) é creativa audiovisual graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo ao tempo que compaxina os estudos co seu traballo como informática. Ten participado na produción de videoclips de bandas galegas como Tractor Troy, Franc3s, Banda Crebinsky... e como auxiliar de dirección na serie "Escoba!" de Ficción Producciones para a TVG. En 2018 edítase o seu libro-documental A meca dos cines, presentado no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).

Desde Corentena só diremos que somos unha equipaza e que se a curtametraxe “As mulleres salvaxes” nos permitiría atopar os límites da zona civilizada, “Monstras” permítenos asomarnos, ollar sen varandas, cara un lugar descoñecido pero que existe, que existe para quen queira atopalo.
Convidámoste a asomarte canda nós.

Social commitment